BFA – Business Factory Auto

21 de Xullo de 2026

A 9ª edición do Business Factory Auto & Mobility (BFA) continúa evolucionando co obxectivo de ofrecer ás startups participantes unha experiencia de alto valor engadido. Nesta edición, o programa incorpora unha nova formación desenvolvida xunto con TeamLabs, Laboratorio de Aprendizaxe de Mondragon Unibertsitatea, baseada nunha metodoloxía de aprendizaxe experiencial que sitúa ás persoas participantes ante retos reais desde o primeiro día.

Esta iniciativa supón un novo paso na evolución do programa, reforzando unha proposta formativa que combina aprendizaxe práctica, traballo colaborativo e desenvolvemento de competencias emprendedoras para acelerar a maduración dos proxectos.

Como elemento diferencial, a formación conta tamén coa participación de profesionais de empresas do Cluster de Automoción e Mobilidade de Galicia (CEAGA), favorecendo o intercambio de coñecemento, o intraemprendemento e a innovación aberta entre startups e industria

O programa formativo desenvolverase entre os meses de maio e outubro e estrutúrase en seis fases: Comprender, Idear, Definir, Prototipar, Validar e Comunicar. Ao longo deste percorrido, as persoas participantes combinan sesións presenciais e en liña, titorías personalizadas, dinámicas colaborativas e unha plataforma dixital de aprendizaxe que lles permite avanzar nos seus proxectos mentres adquiren ferramentas para validar solucións, desenvolver modelos de negocio, definir estratexias comerciais e preparar as súas iniciativas para a súa chegada ao mercado ou a captación de investimento.

Entre os contidos que se abordarán destacan metodoloxías de investigación con clientes, estratexia de produto, economía circular, innovación en modelos de negocio, prototipado, branding B2B, métricas de éxito, comunicación e técnicas de pitching. O programa culminará cun Demo Day, no que as startups presentarán a evolución dos seus proxectos e os resultados acadados durante o proceso de aprendizaxe.

Con esta colaboración con TeamLabs, o BFA reforza a súa aposta por unha formación diferencial orientada a desenvolver o talento emprendedor, fortalecer a conexión entre startups e industria e consolidarse como un referente no impulso da innovación no sector da automoción e da mobilidade.