“O equipo de VMS seguirá crecendo a medida que o proxecto avance”

03
Xullo
2017

Entrevista a Pablo Campos, Director Xeral de VMS Automotive, proxecto da primeira edición do BFA. 

En que consiste concretamente o voso proxecto? 

VMS traballa actualmente no desenvolvemento dunha innovadora motocicleta totalmente eléctrica de tres rodas. Un novo vehículo que cambiará a experiencia de condución no mundo da moto e que definirá un novo nivel de seguridade neste tipo de transporte. Con dúas rodas motrices no eixo traseiro, o seu deseño e configuración incorporan novidades tecnolóxicas, de conectividade e de seguridade que a diferenciarán do mercado existente, converténdose na primeira moto de tres rodas de altas prestacións totalmente eléctrica. 

VMS desenvolveu un vehículo innovador que destaca por dispoñer de características tales como: sistema patentado de amortiguación e abalo, condución con carné de coche B, gran capacidade de carga, cero emisións, dous motores eléctricos, marcha atrás ou recarga en calquera enchufe convencional. 

Que innovación achega a tecnoloxía incorporada no proxecto ao Sector de Automoción de Galicia? 

VMS podería ser considerado como o primeiro fabricante galego de motos eléctricas, axudando desta maneira para reforzar e consolidar a participación de Galicia neste mercado emerxente e con tanto potencial de futuro. En VMS consideramos que o ecosistema galego da industria da automoción é o ideal e, por iso, queremos apostar por Galicia para o desenvolvemento e o éxito deste proxecto. 

Que achegou a iniciativa Business Factory Auto (BFA) ao desenvolvemento do proxecto? 

O BFA achegounos non só un lugar de traballo onde actualmente estamos diariamente todo o equipo, senón tamén a formación por parte de expertos en diferentes áreas. Ademáis, BFA axudounos a dar visibilidade ao noso proxecto e, sobre todo, facilitounos un valioso networking, especialmente co resto de proxectos participantes, con algún dos cales xa se chegou mesmo a expor potenciais colaboracións no futuro. 

Que expectativas de futuro ten a túa empresa tras participar no BFA?

Durante os próximos meses continuaremos co proceso de desenvolvemento técnico de produto en colaboración co CTAG, para dispoñer, xa o ano que vén, das primeiras unidades de produto final. En paralelo, está a realizarse tamén unha análise para o proxecto de industrialización, así como a posta en marcha do proceso de internacionalización. Aínda que, durante os primeiros anos de actividade, España será un dos principais mercados obxectivo, VMS é un proxecto moi ambicioso con proxección global, con especial foco en países como Francia ou EEUU, onde o grao de adopción dos vehículos eléctricos é moito máis elevado. 

Vosa empresa xa xerou emprego en Galicia? 

Si. Aínda que o equipo é aínda pequeno, xa se realizaron contratacións tanto na área de Enxeñería como na área de Márketing e Negocio. Durante as próximas semanas uniranse máis persoas ao equipo, que seguirá crecendo a medida que o proxecto avance. 


“O equipo de VMS seguirá crecendo a medida que o proxecto avance”
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.