O Business Factory Auto, premio á “mellor práctica” pola APTE

22
Novembro
2018

A Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) concedeu o premio “mellor práctica en parques científicos e tecnolóxicos de 2018” á iniciativa Business Factory Auto. 

Este premio recoñece as mellores prácticas desenvoltas polas xestoras dos parques no seu ámbito de actuación. Neste caso, premiouse á iniciativa Business Factory Auto, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, xestora do Parque Tecnolóxico de Vigo. O premio valora tanto o aspecto innovador da iniciativa como o seu impacto nas entidades do Parque e no seu entorno.

En 2018 celébrase a quinta edición destes premios que contan con dúas categorías: unha para os parques con menos de 10 anos de antigüidade dende a súa constitución e outra para aqueles que superan os 10 anos de antigüidade, modalidade na que participa o Parque Tecnolóxico de Vigo.

A entrega dos premios APTE 2018 celebrouse o 22 de novembro en Avilés (Asturias), con motivo da XVI Conferencia Internacional da Asociación. O encargado de recoller o premio foi o Responsable do Equipo Xestor do Business Factory Auto, Jorge Gómara, quen agradeceu o apoio de todos os impulsores da iniciativa e, en especial, ao Consorcio da Zona Franca de Vigo, por facilitar o uso das súas instalacións ás empresas do BFA.

Na súa intervención, Jorge Gómara resaltou o valor do BFA como una iniciativa que “promove a cultura do emprendedor industrial e contribúe a crear emprego de alta cualificación e mellorar a competitividade da industria galega de automoción”.

O BFA é un exemplo de colaboración. Neste proxecto unen os seus esforzos e recursos dúas institucións, a Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo; dúas axencias, Igape e GAIN; dúas empresas de capital risco, Xesgalicia e Vigo Activo, e o Sector representado por Groupe PSA e polo líder do proxecto, o Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA). Precisamente, unha das claves do éxito do Business Factory Auto é a implicación de todo o Sector, posto que as empresas que compoñen CEAGA actúan de titoras e ceden as súas instalacións para validar as novas tecnoloxías dos proxectos.

Os resultados das dúas edicións xa finalizadas do BFA e da terceira edición, que acaba de arrancar en outubro, indican un balance moi positivo, con 35 empresas creadas, máis de 150 empregos xerados e 10 millóns de euros de facturación prevista a peche de ano. Destas empresas, o 30% xa exporta os seus produtos e servizos.

O Business Factory Auto, premio á “mellor práctica” pola APTE
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.