Novos proxectos de transformación dixital invitados a participar na quinta edición do BFA

24
Novembro
2020

O Comité Executivo do Business Factory Auto (BFA) seleccionou os 20 novos proxectos empresariais invitados a participar na quinta edición da iniciativa, que comezarán a súa andadura na aceleradora a mediados de decembro. 

A quinta edición do BFA volveu a bater récord de participación, posto que a esta nova convocatoria presentáronse 127 proxectos de 20 países diferentes, pertencentes aos cinco continentes. Todos eles relacionados coa transformación dixital e a Industria 4.0. Cerca do 40% das iniciativas presentadas teñen a súa orixe en empresas ou en centros de coñecemento, polo que o BFA segue sendo un referente de impulso do intraemprendemento. 

Para esta convocatoria, invitáronse a participar a dous proxectos internacionais, un de Escocia (Computer vision for automated visual inspection) e outro de Turquía (Quality inspection of challenging surfaces via AI), ademais de outras iniciativas de ámbito nacional procedentes de Valencia, Madrid, Barcelona ou País Vasco.

Un ano máis, os proxectos seleccionados responden aos retos tecnolóxicos propostos polo Sector de Automoción de Galicia, trasladados ao BFA por diferentes compañías como: Tecdisma, CIE Galfor, Denso, Maier, Groupe PSA, GKN, TI Automotive ou SMRC entre outras.

Proxectos invitados a participar na quinta edición:

O Comité, integrado por representantes da Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Groupe PSA e CEAGA, seleccionou, como invitados a participar no seu quinto programa de aceleración, aos seguintes dez proxectos:

BIONIX - SUPPLY CHAIN DATA DRIVEN PERFORMANCE: Solución integral para o control e visibilidade total da cadea de subministración que combina RFID, IoT e Intelixencia Artificial.

COMPUTER VISION FOR AUTOMATED VISUAL INSPECTION: Solución de inspección visual baseada en Intelixencia Artificial e Machine Learning, que utiliza ademais Computer Vision para o recoñecemento de obxectos de forma precisa.

DATA ANALYTICS EN BATERÍAS DE VE: Aplicación de modelos analíticos para o análise do ciclo de vida das baterías de vehículos eléctricos e a mellora na súa fabricación.

EMG-IIOT: ELEMENTS MANUFACTURED FOR LIVING INDUSTRIAL IOT: Deseño e fabricación de compoñentes con sensores intelixentes, integrados e calibrados, que permiten a monitorización, recollida e análise de datos IIoT.

IRISBOND: Desenvolvemento de solucións Eye Tracking para que os traballadores poidan operar, mediante a súa mirada, unha pantalla ou un robot.

LOGICMELT: Servizo de dixitalización para Industria 4.0 baseado en solucións innovadoras de Intelixencia Artificial e servizo de Computación Edge.

MINERÍA DE PROCESOS CON INVERBIS: Software de minería de procesos que permite acometer proxectos de análise, optimización e monitorización de procesos industriais e de servizos. 

NUAUTO: Sistema non intrusivo que, coas cámaras da planta, aplica a visión artificial para o seguimento e análise de activos en tempo real.

ROBOT PLUG-IN: Desenvolvemento de software flexible, destinado ao control de sistemas e procesos industriais, utilizando un robot como mestre da solución.

WHIMCON: Sistema de xeolocalización en exteriores vía GPS de embalaxes.

A fase de consolidación para proxectos máis maduros contará cos seguintes dez proxectos: 

4INDUSTRY EMPREGADO CONECTADO E A FÁBRICA DIXITAL: Solución que conecta todos os sistemas da empresa industrial, dixitaliza as operacións industriais, identifica eventos, desencadea accións e xera fluxos de traballo dixitais, representando toda esta información nun xemelgo dixital 3D.

ALLREAD AUTOMATIC READING SOFTWARE: Software baseado en Deep Learning para detectar y dixitalizar texto, códigos e símbolos en contornos loxísticos complexos.

ANCORA CONNECT&ASSIST: Tecnoloxía para que as aplicacións móbiles se conecten directamente con máquinas ou calquera sistema produtivo para intercambiar información. 

AUGMENTED FACTORY: Plataforma cloud que integra e xestiona solucións multiplataforma de realidade aumentada para Industria 4.0. 

CONECTINO IOT: Combinación de hardware, rede de datos e plataforma cloud para conectar a sistemas ou máquinas industriais (retrofitting) e convertelas en máquinas 4.0 interconectadas entre si, en contornos nos que a conectividade a través de wifi ou rede sexa difícil ou requira de grandes infraestruturas de instalación.

DATAAIR. MONITOREO DE FUGAS DE AIRE COMPRIMIDO/GAS: Solución de baixo custe que permite o monitoreo de instalacións de aire comprimido e de gas de soldadura para a detección cedo de fugas e consumos fora do rango habitual.

NORT3D PGS: Desenvolvemento de garras polivalentes para a manipulación de pezas, que inclúen a posibilidade de manipular pezas diferentes cunha mesma garra ou a posibilidade de aportar sistemas extra de control, detección ou procesos accesorios dentro da mesma garra. 

QUALITY INSPECTION OF CHALLENGING SURFACES VIA AI: Sistema de inspección de visión artificial, deflectometría ou intelixencia artificial para superficies texturizadas de pezas de plástico, superficies metálicas, superficies extruidas ou compoñentes brillantes.

SISTEMA DE MANTEMENTO PREDICTIVO E CALIDADE: Solución para a predición de fallos e deterioros e a optimización de procesos produtivos, a través da analítica avanzada de datos.

WITRAC: Solución de localización e medición de activos e persoas en tempo real.

Tras a valoración dos proxectos presentados, existen outras candidaturas cunha nota tan alta que o Comité decidiu que permanezan en lista de espera por si algún dos invitados a participar, finalmente, non formaliza a súa inscrición no programa.

É importante destacar o carácter transversal dos proxectos que participaron nalgunha das catro edicións do BFA, xa que despois de validar e testar as súas tecnoloxías no sector de automoción obsérvase unha forte transversalización a outros sectores industriais como o alimentario, naval, etc. 

Á espera de comezar esta nova edición, dende a súa posta en marcha, o proxecto BFA, impulsado por CEAGA, a Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e Groupe PSA, creou máis de 50 novas empresas, xerou máis de 350 postos de traballo de perfil altamente cualificado e unha facturación de máis de 70 millóns de euros. Esta aceleradora vertical desenvolve unha comunidade en torno á industria do automóbil na que se identifican novas oportunidades de innovación. 

Estes resultados permitiron ao BFA gañar diversos premios á excelencia, tanto en España como en Europa. En decembro de 2018, a iniciativa foi recoñecida a nivel nacional pola Federación Nacional de Agrupacións Empresariais Innovadoras e Clusters (Fenaeic), co premio ao “Proxecto Mellor difundido 2018”, entregado durante o VI Congreso Nacional de Clusters. En outubro do mesmo ano, recibiu o premio á “mellor práctica desenvolta nun parque tecnolóxico” da Asociación de Parques Empresariais e Tecnolóxicos de España (APTE), e foi nomeado “regional partner” nos premios Startup Europe Awards, de carácter internacional, sendo a primeira aceleradora de automoción de Europa en conseguilo. En 2019, o BFA foi recoñecido, tamén pola iniciativa Startup Europe Awards da Fundación Finnova e a DG Connect, como o primeiro “Mobility Startup Europe House” por promover valores esenciais para a Comisión Europea como a innovación ou o emprendemento. Actualmente, o BFA está nomeado internacionalmente, na categoría de mellor aceleradora, nos South Europe Startup Awards de 2020.

Novos proxectos de transformación dixital invitados a participar na quinta edición do BFA
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.