Comeza a iniciativa Business Factory Auto (BFA)

15
Setembro
2016

Onte celebrouse, no Centro de Negocios de Porto do Molle, o acto de presentación da iniciativa Business Factory Auto, ao que acudiron preto de duascentas persoas interesadas en coñecer o funcionamento dunha aceleradora que apoiará a creación de proxectos de innovación para a industria de automoción e que foi impulsada en conxunto por CEAGA, polo Grupo PSA, pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e polo Consorcio da Zona Franca de Vigo.
O BFA, peza crave do terceiro plan estratéxico do Sector, foi presentado por Juan Cividanes, director de Xesgalicia, e Alberto Casal, director de Inova. Ademais, contou coa participación de Pedro Nueno, experto internacional de automoción e emprendemento de Harvard University e IESE.

Finalmente, o evento foi clausurado polo Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde e tamén contou coas intervencións da Delegada do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa; o Presidente de CEAGA, José Luciano Martínez Covelo; e do Director do Polo Ibérico do Grupo PSA, Yann Martin.

Como destacou o Presidente de CEAGA no acto: "O obxectivo fundamental do Business Factory Auto é impulsar a incorporación de compañías innovadoras ao tecido empresarial do sector do automóbil con obxecto de mellorar a súa competitividade. Desta forma, foméntase o crecemento do tecido empresarial, convertendo ao conxunto do Sector en lanzadeira de emprego de alta cualificación".

Un aspecto diferenciador desta iniciativa é que se contemplan dúas fases, dependendo do grao de maduración dos proxectos: unha de aceleración (para os máis incipientes) e outra de consolidación (para os proxectos máis avanzados). Na primeira fase os seleccionados recibirán ata 125.000 euros de financiamento, mentres que na de consolidación este importe elevaríase ata os 250.000 euros. Ademais, os proxectos beneficiaranse doutros recursos como: espazo físico, mentoring, acceso a empresas líderes, formación, tutorización, etc. Nesta primeira edición, na que só se convocará a fase de aceleración, seleccionaranse ata dez proxectos de innovación.

O prazo de inscrición para presentar proxectos a esta iniciativa pioneira estará aberto ata o 14 de outubro.

Comeza a iniciativa Business Factory Auto (BFA)
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.