BFA, premio internacional á mellor práctica pola Asociación Europea de Axencias de Desenvolvemento Rexional (EURADA)

27
Marzo
2019

A iniciativa Business Factory Auto (BFA) foi premiada pola Asociación Europea de Axencias de Desenvolvemento Rexional (EURADA) por contribuír ao crecemento económico e á mellora da competitividade das empresas no sector de automoción. 

A entrega do premio celebrouse hoxe, 27 de marzo, na sede de EURADA, en Bruselas (Bélxica). Recolleron o galardón o Xerente do Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e, en representación da Xunta de Galicia, o Director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Manuel Cividanes. O premio foi entregado pola Responsable da unidade de Clusteres, Economía Social e Emprendemento da Comisión Europea, Ulla Engelmann.

EURADA é unha asociación formada por preto de 100 axencias de desenvolvemento rexional de Europa co obxectivo de favorecer o intercambio de experiencias e promover as mellores prácticas no campo do desenvolvemento económico local e rexional. Anualmente, a asociación premia ás mellores iniciativas tanto de membros de EURADA como doutras axencias europeas. Este ano, recoñeceron a labor do BFA na categoría de mellor prácticas emprendida por unha axencia de desenvolvemento rexional non membro. 

O Business Factory Auto, promovido pola Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Groupe PSA e CEAGA, estase a consolidar como peza clave no Sector de Automoción de Galicia. Con dúas edicións xa finalizadas e unha terceira en marcha, reforzou o seu papel como plataforma de aceleración e consolidación de novas empresas innovadoras. 

Proba disto son os recoñecementos que recibiu no último ano. En decembro do 2018, a iniciativa foi recoñecida a nivel nacional pola Federación Nacional de Agrupacións Empresariais Innovadoras e Clusters (Fenaeic), co premio ao “Proxecto Mellor Difundido 2018”, entregado durante o VI Congreso Nacional de Clusters. En outubro do mesmo ano, recibiu o premio á “mellor práctica desenvolta nun parque tecnolóxico” da Asociación de Parques Empresariais e Tecnolóxicos de España (APTE), e foi nomeado “regional partner” nos premios StartUp Europe Awards, de carácter internacional, sendo a primeira aceleradora de automoción de Europa en conseguilo. 

BFA, premio internacional á mellor práctica pola Asociación Europea de Axencias de Desenvolvemento Rexional (EURADA)
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.