“As sesións de mentoring e formación do BFA complementan a nosa experiencia”

22
Marzo
2017

Entrevista a Iván Luarca, CEO do proxecto Eccocar, participante na primeira Fase de Aceleración da iniciativa Business Factory Auto (BFA).


En que consiste concretamente o voso proxecto? 

É unha aplicación web ou plataforma, onde hai propietarios que anuncian os seus coches e condutores que os alugan. Os usuarios de Eccocar dispoñen dunha ampla variedade de coches e furgonetas baixo demanda, é dicir, preto de onde estean e polo tempo que necesiten. É unha alternativa real e económica para aquelas persoas que desexan vivir sen coche en propiedade.

Para que o Car Sharing prolifere, o acceso aos coches ten que ser moi rápido e sinxelo. Por iso, Eccocar desenvolveu Ecconnect, un sistema de xestión de frotas, que permite ao usuario ter o coche que vai alugar localizado, abrilo e arrincalo usando tan só o seu móbil. Este sistema é máis cómodo que ter o coche en propiedade, xa que te evitas ter que mantelo, recargar gasolina ou pagar o seguro. Tan só te preocupas de usar o coche que máis che conveña en cada momento.

Que aportou a iniciativa Business Factory Auto (BFA) ao desenvolvemento de Eccocar?

A iniciativa BFA deunos un apoio moi importante para poder desenvolver o lanzamento de Eccocar, posto que supuxo o empuxón definitivo para que todos apostásemos a tempo completo polo proxecto.

Tamén foi moi importante o financiamento e o espazo de traballo que nos proporcionaron, así como as sesións de mentoring e formación, que complementan a nosa experiencia máis centrada en grandes multinacionais.

Todo isto, permítenos afrontar o inicio de Eccocar máis preparados e cunha velocidade moito maior que a que levabamos e, por tanto, con moitas máis probabilidades de éxito.

Cal é a plantilla actual coa que conta Eccocar? Xa está a xerar emprego?

Actualmente somos dous empregados, pero antes de que termine o Programa, esperamos que os catro socios fundadores esteamos a tempo completo como empregados. Logo temos un amplo ecosistema de autónomos, provedores e un par de informáticos, estudantes en prácticas, que esperamos póidanse incorporar ao noso persoal en poucos meses.

Que crees que achega o teu proxecto empresarial ao Sector de Automoción de Galicia? Como pode axudar a impulsar a competitividade do Sector?

O sector da automoción está a vivir grandes cambios, precisamente debido ao proceso de dixitalización que aos poucos vai afectando a todos os sectores. Unha das consecuencias da dixitalización na automoción é precisamente o uso do coche compartido e o Car Sharing, que potencialmente incrementa o número de persoas por vehículo e a porcentaxe de uso do vehículo respectivamente. Isto lévanos a que potencialmente son necesarios moitos menos vehículos en circulación, que é moi bo para a sociedade, pero que fai que a industria do automóbil teña que cambiar o seu enfoque de fabricante a provedor de servizos. 

Que expectativas de futuro ten a túa empresa tras participar no BFA?

A nosa meta é realmente ter un impacto positivo nas cidades, que en todas as rúas haxa coches intelixentes compartidos e estean accesibles para os usuarios de Eccocar. Empezaremos traballando máis en Madrid e en Vigo, así como en zonas de máis turismo, pero estamos nisto para facer de Eccocar unha plataforma global.

www.eccocar.com



“As sesións de mentoring e formación do BFA complementan a nosa experiencia”
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.