As novas empresas do BFA completarán a cadea de valor no ámbito 4.0

15
Setembro
2017

A finais deste mes de setembro farase pública a lista de novas empresas que formarán parte da segunda edición da iniciativa Business Factory Auto (BFA). Presentáronse preto de 40 proxectos e convidaranse a participar un máximo de 10 para a fase de aceleración e ata 10 na etapa de consolidación, que é unha das novidades desta segunda edición.

Estas novas empresas seleccionadas axudarán a completar a cadea de valor do Sector de Automoción de Galicia na área de novas tecnoloxías ou industria avanzada. En canto á temática concreta dos proxectos presentados, 36% son do ámbito de procesos produtivos, 28% de produto, 21% de procesos de negocio, 7% de loxística e 8% do ámbito de persoas. 

No marco de procura da mellora continua, o BFA organizou unha viaxe a Lille (Francia), onde unha comitiva formada por representantes dos catro entes impulsores do Business Factory Auto (Xunta de Galicia, Zona Franca, Grupo PSA e CEAGA) visitarán, o próximo 19 de setembro, unha das aceleradoras máis importantes de Europa, EuraTechnologies.

EuraTechnologies está dedicada ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e atópase na área metropolitana de Lille. Agrupa a centos de axentes do mundo da investigación, a educación superior e do ámbito das TIC (startups, pequenas empresas, grandes empresas francesas e estranxeiras). Conta, ademáis, cunha rede de 150 compañías relacionadas coa tecnoloxía dixital, procedentes de Shanghai, Dubai, Nova York, San Francisco, etc. Fundouse no ano 2009 e está clasificada como unha das dez mellores aceleradoras de Europa e a primeira de Francia.

Posteriormente, o 20 de setembro, os representantes da iniciativa BFA acompañarán aos dous proxectos da primeira edición, Enxeñería e Control Merasys e Situm Technologies, ao Booster Day do Grupo PSA, que se celebrará no Foro Armand Peugeot de Poissy.

Estas dúas compañías terán a oportunidade de coñecer a diferentes expertos e entrar no ecosistema de innovación do grupo automobilístico, ademáis de dispoñer do seu propio estand para exhibir as súas solucións innovadoras. O BFA tamén terá un estand para exhibir as capacidades de innovación presentes no ecosistema do Sector de Automoción de Galicia.

As novas empresas do BFA completarán a cadea de valor no ámbito 4.0
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.