“A nosa empresa é de aquí e está a xerar emprego en Galicia”

04
Abril
2017

Entrevista a Xavier Barra, Responsable do proxecto empresarial “Enxeñería e Control Merasys”, participante na primeira Fase de Aceleración da iniciativa Business Factory Auto (BFA). 

En que consiste concretamente o voso proxecto?

O noso proxecto consiste no desenvolvemento de hardware e software para a toma masiva de datos. O proxecto consta de dúas fases. Na primeira delas, na que nos atopamos agora mesmo e a cal está moi avanzada, estamos a desenvolver unha cámara de visión artificial e un sensor multiparamétrico.

A segunda fase do proxecto ten que ver co manexo e a xestión deses datos, a creación de algoritmos e o “data mining” para poder anticipar e predicir desviacións sobre parámetros craves do proceso que afectan á eficiencia e, por tanto, aos custos.

Que problema resolve ou que innovación achega a tecnoloxía incorporada no proxecto Merasys ás cadeas de produción?

Merasys trata de resolver, coa súa tecnoloxía, os rexistros en parámetros de procesos, que no século XX eran principalmente manuais. No século XXI, coa Industria 4.0, é necesario ter datos e tamén é imprescindible ser capaz de anticipar ou corrixir parámetros do proceso de forma máis rápida para diminuír custos, mellorar a eficiencia e o desempeño. Cos nosos produtos (hardware e software) pretendemos ser capaces de definir cal é a combinación de parámetros que producen o defecto ou a ineficiencia e, unha vez identificado, predicir e corrixir as desviacións.


Vosa empresa xa xerou emprego en Galicia?

A nosa empresa é de aquí e está a xerar emprego en Galicia. Na actualidade, contamos con 2 técnicos traballando a tempo completo nas instalacións do BFA en Porto do Molle.


Que achegou a iniciativa Business Factory Auto (BFA) ao desenvolvemento do proxecto?

O programa BFA achegounos un lugar de coworking moi cómodo, para a maioría de nós é unha experiencia nova nun ambiente diferente. Sen esquecernos dunha tutorización e mentorización con profesionais do Sector, que achegan unha visión global con puntos de vista complementarios ao noso.

Coa participación do noso proxecto na iniciativa BFA puidemos acceder a financiamento e, sobre todo, está a darnos visibilidade dentro do sector de automoción con máis de 100 empresas, ampliando así o noso networking. 

Como pode axudar Merasys a impulsar a competitividade do Sector de Automoción de Galicia?

Nós integramos tecnoloxía para competir. Tentamos resolver os problemas que nos presentan os clientes dunha forma simple, robusta e cuns custos contidos. A procura da solución, dentro duns parámetros de custos moi axustados, axúdanos a ingeniar solucións novas. E é con esa novidade, cunha solución robusta, con proximidade e cuns custos contidos, como pretendemos impulsar a competitividade. 


“A nosa empresa é de aquí e está a xerar emprego en Galicia”
Volver ao listado de novas
Utilizamos cookies propias e de terceiros para realizar análisis de uso e de medición da nosa web para mellorar os nosos servizos. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información aquí.